Homo sum et nihil humanum a me alieno puto

domingo, 1 de febrero de 2009

Arredor de si.


En ocasións, para que unha obra que fala da terra propia sexa sentida fondamente hai que lela lonxe da casa. Asi me sucedeu a min coa novela do gran Otero Pedrayo Arredor de si. Nela, don Ramón presenta o proceso polo que Adrián, un xove licenciado en Filosofía e Letras e fillo da pequena fidalguía do interior de Galicia chega a recoñecer a súa identidade galega, despois de tela buscado nos libros e nas paisaxes de Castela, Madrid e Europa. Escrita en 1930, a novela é unha mostra do que o propio Otero Pedrayo e os seus compañeiros da Xeración Nós experimentaron: intelectuais que comezaron buscando fóra a novidade, o xenuíno, e que o atoparon finalmente na propia terra. Marabillados pola esencia da Galicia, da súa terra, da súa cultura tradicional, das súas xentes, os integrantes do grupo Nós (Castelao, Otero Pedrayo, Risco, os Vilar Ponte...) quixeron dignificar a imaxe e o ser dos galegos e se volcaron en ensalzar o seu maior tesouro: a súa lingua. O personaxe de Adrián non é senón a trasunto destes galeguistas. Lendo a novela, ademais de deleitarse un coa tan poética prosa de Otero Pedrayo e co seu galego xenuíno e vivaz, é inevitable sentir un fondo amor pola nosa Galicia e orgullo. Eu non son nacionalista, pois creo no cosmopolitismo e nun concepto universal do ser humano, pero si son galeguista e amo a terra que me viu nacer. Na novela hai momentos moi emotivos: cando o moribundo tío-avó crego de Adrián lle pide que lle ensine o mapa de Galicia, ou cando en auto Adrián se reencontra con Galicia e sinte a universalidade de Santiago.

Esta novela é boa mostrar dos magníficos froitos que deu a fecunda intelectualidade galega antes da Guerra Civil; unha intelectualidade que durante o franquismo soubo refacerse e pasar a testemuña á seguinte xeración (a das festas Minervais, de Franco Grande, García Bodaño, Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova...).

No hay comentarios: